Cómic Gago de Mendoza. A Liberación de Marín, 1809

11 / 04 / 2019

O 4 de abril celébrase o Día da Liberación de Marín polas Alarmas do Morrazo, que formadas por máis de 500 valentes veciños armados con fouces, forcadas e a súa coraxe lograron derrocar as tropas napoleónicas que ocupaban o Forte de San Fernando.

Este ano, con motivo da conmemoración do 210 aniversario, o Concello ademais das diversas actividades que realiza habitualmente, decidiu encargar una publicación en forma de cómic para achegar aos veciños esta parte da súa historia e a do heroe marinense Gago de Mendoza, organizador de ditas alarmas.

Esta fórmula, en forma de narración gráfica, responde a táctica de interesar en especial ás xeracións máis novas que descoñecen o acontecido na Galicia do 1808, cando os franceses tomaron A Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo, durante a Guerra da Independencia e a estratexia de Gago de Mendoza  de armar os seus paisanos para recuperar a vila.

Os cómics son unha boa ferramenta para cimentar o interese por descubrir historias pasando páxinas e máis se esa historia ten carácter épico e sucede no lugar onde vives. Tamén contamos que ao facer un reparto masivo nos colexios estas publicacións chegarán moitos fogares ampliando así o número de lectores.

Si a ilustración necesita acompañar a un texto para ter sentido, o cómic é unha linguaxe secuencial que permite narrar unha historia integrando ao mesmo tempo varios niveis: o debuxo, o texto e a composición. Esta publicación narra en 12 páxinas ilustradas unha pequena parte dos acontecementos da época, en especial o episodio do 4 de abril de 1809 onde os aldeáns, capitaneados polo corsario e apoiados polos barcos ingleses, derrotaron ás tropas que ocupaban o forte de San Fernando e expulsaron os franceses da súa costa.

Para este traballo de ilustración, de ton histórico e bélico ao mesmo tempo, contamos con Celsius Pictor, ilustrador independente e artista visual galego co que traballamos habitualmente, e que decidiu contar mediante o texto os feitos históricos relevantes deixando ao debuxo e a composición a labor de referir outros elementos coma o tempo cronolóxico.

Coa idea de narrar un relato o máis fiel posible dos acontecementos e contando que non existen imaxes ou gravados coñecidos de Gago de Mendoza, foi ardua a labor de investigación realizada a través de diversas fontes históricas como o Museo Naval de Madrid, a Biblioteca da Armada do Cuartel Xeral da Armada de Madrid e o Museo Romántico onde se estudaron as vestimentas, armas e ata os barcos da época. Gravados e antigas imaxes foron a inspiración para a reprodución da costa e as construcións do Marín do século XIX.

Ademais do guión, a estrutura, a iluminación… de todos os elementos que compoñen  a planificación do cómic démoslle especial importancia a elección das cores, unha gama fría para facilitar a lectura sen distraer con moito colorido e, para resaltar detalles puntuais, algunhas cores cálidas coma o vermello e o amarelo. Estas mesmas cores nos sitúan no quen é quen a primeira vista dado que os franceses visten de azul, branco e vermello (cores da sua bandeira e orixinais do seu uniforme) e Gago de Mendoza sempre incorpora ademais do azul e vermello da casaca o amarelo da sua propia bandeira.

O texto das viñetas foi extraído dun escrito de Ana Isabel Martínez Pazos que conta estes acontecementos e sempre baixo a revisión de Manuel Torres Viqueira, apaixonado defensor desta fazaña.

Deste xeito, logramos a creación dun universo imaxinario que pretende reflectir da maneira máis realista o que foi un día histórico para o pobo de Marín.

COMIC GAGO DE MENDOZA GAGO DE MENDOZA COMIC 3 GAGO DE MENDOZA COMIC 4 GAGO DE MENDOZA comic alarmas do morrazoniño niña leyendo comicRoll up para presentación del cómic de Gago de Mendoza