«Formas do deseño. Galicia XXI»
15/ 05 / 2019
O 20 de febreiro inaugurouse no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, unha exposición con traballos de deseñadores galegos de todos os tempos, a mostra, de entrada gratuíta, poderá visitarse ata o 23 de xuño.
“Formas do deseño. Galicia XXI” pretende dar visibilidade e o seu merecido valor ao traballo de deseñadores e deseñadoras a través das diferentes vertentes do deseño en Galicia ao longo das últimas décadas. Era Comunicación está presente con dous traballos de identidade corporativa escollidos polos comisarios David Barro e Mónica Maneiro, son os realizados para o Concello de Poio, a súa primeira marca institucional, e para a Universidade de Vigo, o proxecto Artistas.
A través dos case 300 traballos expostos, faise un percorrido pola historia do deseño desde os anos 70 ata a actualidade. Neste itinerario podemos atoparnos co traballo de pioneiros do deseño gráfico como Ventura Cores, Luís Seoane ou Isaac Díaz Pardo, así como con traballos máis actuáis coma os de Era Comunicación, estudos de todos os puntos de Galicia e compañeiros da DAG. O obxectivo é presentar o que se está facendo nestes momentos mentres se observa e recoñece o que se fixo nas décadas anteriores, revisando os logros desde un punto de vista simbólico, para divulgar o deseño gráfico e as artes decorativas contemporáneas proxectando a aquelas empresas comprometidas con esta causa.
É necesario facer fincapé no importante que é un evento coma este para por de relieve o deseño, unha peza crave e fundamental para o desenvolvemento da economía á vez que subestimada e que aínda falta en moitas empresas galegas. Por todo isto para Era Comunicación é un orgullo que contasen con dous traballos realizados no estudo, xa que supón un dobre recoñecemento, por unha banda a nivel xeral dando visibilidade ao deseño galego e, a nivel individual, polo recoñecemento do labor que facemos no día a día.
A exposición, que recolle desde obras de deseño de moda ata deseño de mobles pasando por todo tipo de deseños gráficos, divídese en duas partes: unha introdución aos primeiros anos de espertar do deseño, cando este comezou a considerarse unha profesión en Galicia no pre-auxe da informática; e unha segunda parte que é o apartado principal da mostra, adicado ao cambio de milenio cos avances que trouxo consigo a revolución dixital dos 90 e o cambio xeracional coa entrada na era dixital, do 2000 ata o momento.
Unha visita consciente a exposición “Formas do deseño. Galicia XXI” demostra de maneira moi visual os cambios que provocou a dixitalización na profesión. É inevitable a reflexión sobre como os avances tecnolóxicos inflúen sobre o traballo do deseñador e como a nova comunicación en medios sociais está xa dando un paso máis e modificando radicalmente a maneira de relacionarnos, traballar, xogar, entreternos… en resumo, de vivir e ver o mundo. Estamos inmersos nunha era dixital onde dependemos casi ao 100% da tecnoloxía e este crecemento seguirá a ser exponencial o non ter volta atrás.
O deseño pola sua labor funcional instrínseca depende completamente da relación coa tecnoloxía para poder actuar, xa que en función do avance tecnolóxico disporá de novos espazos. A relación entre o deseño e a tecnoloxía está presente desde sempre, cada época se caracteriza na profesión polos avances dispoñibles e por como o deseño gráfico, e por ende os deseñadores e deseñadoras, adoptan eses recursos para xerar novas alternativas visuais.

formas do deseño galicia XXI