Marca Institucional Concello de Poio
A nova marca institucional do Concello de Poio pretende unha renovación desde a síntese pero sen prescindir da representación gráfica dos seus símbolos históricos. Partindo como referencias dun antigo cuño e un escudo en pedra achados no Mosteiro de Poio ata a elección da tipografía galega Isaac Sans todo vira arredor da recuperación da súa identidade cultural, histórica e territorial.
Durante anos a identidade institucional do Concello de Poio foise desvirtuando e dando lugar a múltiples variacións cromáticas, tipográficas e do propio deseño cun resultado anárquico, confuso, ás veces ilegible e pouco serio.
Neste ano 2017 sae a luz a nova Marca Institucional do Concello de Poio, unha representación que respecta a identidade e formas orixinais utilizadas ata o momento no escudo institucional pero buscando a sinopse, a representación mínima que englobe todos os significados.
Empezamos o proxecto documentando a imaxe gráfica do Concello e traballamos, da man do Consello de Heráldica de Galicia, partindo da descrición heráldica do Informe oficial do BOLETÍN DA REAL ACADEMIA DA HISTORIA (do ano 1975) que di:
De tal sorte, o brasón de Poyo podería organizarse así: “Escudo de ouro, a palma de sinople, terrazada do mesmo, e cargando sobre ela o cordeiro místico, botado sobre o libro de gules, visto pola canle; co sete selos, de ouro, fileteados de sabre, colgantes de senllas cintas, de azur, o cordeiro tendo o estandarte de prata coa cruz latina, de sabre, ao timbre coroa real, como se propón.”
A isto sumámoslle a investigación realizada no Mosteiro de Poio, fonte de imprescincible para coñecer a historia e o vínculo coa cultura deste territorio, onde atopamos un escudo de pedra no seu claustro e un antigo cuño que reflicten os primeiros e principais elementos da identidade do Concello que, ao final, foron a base para a configuración da nova marca.
Nun exercicio de sinopse e lixeireza de elementos a marca será representada, na maioría dos casos, nunha soa cor oro con acabado metalizado, desta maneira conseguimos un resultado elegante, de corte institucional e ao mesmo tempo económico a hora da implantación nos diferentes soportes.
Empregarase de forma xenérica en calquera das súas versións, salvo cando se trate de actos protocolarios ou referidos a alcaldía, para o que se utilizará o escudo oficial.
A tipografía aplicada é a Isaac Sans Serif do deseñador e tipógrafo galego Marcos Dopico.
Na web do concello pódese consultar un dos manuais de aplicación da marca.